08.04.2006
A RESISTENCIA GALEGUISTA NO BIERZO.
A RESISTENCIA GALEGUISTA NO BIERZO,
por Xabier Lago Mestre.
A Comarca do Bierzo presenta unhas características peculiares que a diferencian do resto de territorios da Comunidade Autónoma de Castela e León. Referímonos a unha xeografía que o afasta da chaira castelá, formando unha orografía montañosa pechada e cunha rede hidrográfica independente. A nivel político, as Cortes de Castela e León concederon ao Bierzo un Estatuto de Comarcalización (1991), o único existente na actualidade. Esta descentralización parcial inscríbese na dinámica reivindicativa de carácter autonómico que sempre estivo mui presente no Bierzo –lembremos a existencia da Provincia de Vilafranca do Bierzo en 1822-. Tudo isto ten relación coa forte conciencia territorial dos bercianos que se autodefine ante León e Castela.
A historia do Bierzo sempre estivo mui vencellada a Galiza. Fronte aos intentos institucionais, dende León e Castela, de minusvalorar estas relaciois -culturais, lingüísticas, socioeconómicas e demais- profundamos en dar a coñecer a nosa realidade galegoberciana común. Hai que recuperar a “memoria histórica” como elemento chave do reforzamento da concienciación galeguista da Comarca. Este traballo reivindicativo terá que luitar contra dos intentos uniformizadores derivados da nova ideoloxía identitaria castelao-leonesa.
A situación sociolingüística do galego no Bierzo non é a millor ante a progresiva e xeneralizada castelanización. A poboación galegofalante concéntrase no occidente comarcal, nun medio rural disperso, composta fundamentalmente polos vedraños, e que compite en desvantaxe co idioma estatal, maioritario na cidade de Ponferrada (65.650 h.) e nas principais vilas. Sen embargo, atopamos a reacción da minoría lingüística galega en certos sectores –universitarios, profesores, intelectuais, etc- que, malia ser escasa a mobilización social e mailos recursos, está acadando importantes éxitos reivindicativos paseniño.
A reacción galegoberciana podemos dicir que é recente. Como fito fundamental temos a creación da Mesa prá defensa do Galego no Bierzo e da Cultura da Comarca (1990), seguido polo traballo desenvolvido polo Instituto de Estudios Bercianos, Escola de Gaitas de Vilafranca, asociación Vagalume de Viladepaos, así como de numerosos grupos folcloricos que andan a recuperar o noso patrimonio musical. Máis recente é a intervención galeguista da asociación Fala Ceibe (Ponferrada, 1998), e que deu novos aires á reivindicación mediante a procura de novas estratexias pactistas que combinasen a escaseza de medios coa máxima eficacia na consecución de resultados.
As relaciois de poder entre as instituciois castelás e a minoría galegofalante do Bierzo son mui desiguais, o que condiciona negativamente o logro das nosas demandas. Estas son sempre devaluadas, cando non desnaturalizadas, trala peneira negociadora. Neste senso bótase en falta o contrapoder, a prol dos intereses da nosa minoría cultural, que debería estar representado pola Xunta de Galicia. Só tendo conta desta dinámica reivindicativa desequilibrada, fronte aos poderes político e institucional castelaos, se pode valorar axeitadamente o muito camín percorrido nestes últimos anos.
A minoría galegoberciana precisa de estratexias reclamativas alternativas que debiliten, aínda que sexa só temporal e parcialmente, a posición de forza do poder castelao. Fala Ceibe, dende a súa posición de vangarda, trocou o rumbo estratéxico mediante a chamada “politización” reivindicativa. Trátase de buscar negociaciois conxunturais cos partidos políticos na defensa dos nosos intereses lingüísticos. Así aconteceu co BNG, cando acadou a resolución a prol do ensino do galego no Bierzo no Congreso dos Deputados (1997), ou co PSOE, ao conseguir a aprobación doutra resolución semellante nas Cortes de Castela e León (2000), ou as declaraciois institucionais do Consello Comarcal do Bierzo (2001 e 2004). Ademais o xogo político, de confrontación e pactos, ás veces dá resultados positivos como o actual recoñecemento expreso do galego no Estatuto de Autonomía da C.A. de Castela e León (1999). Porque ben sabemos que a clase política ten toda a responsabilidade na concesión dos nosos dereitos culturais e lingüísticos.
Outro aspecto importante da nosa reivindicación é a “política informativa” cos medios de comunicación comarcais e rexionais. A pesar de sufrir as graves consecuencias da falta de liberdade de expresión en galego, informar periodicamente sobre a nosa problemática cultural á cidadanía serve para crear nesta unha conciencia colectiva favorable cara á nosa lexítima reclamación. Debemos ter presente que as liñas comunicativas, integramente en galego, redúcense a internet, cartelería, buzoneo, actos culturais e demais, é dicir, mui minoritarias. Velaí a necesidade de continuar esta peculiar relación de dependencia cos medios de comunicación castelaos, xa que tampouco os da Galiza teñen aínda influencia nin audiencia abondo no Bierzo.
De remate, comentar a boa resposta que está tendo a oferta de galego nos centros escolares da Comarca. Malia ser impartido dentro doutras materias –Coñecemento do medio, Plástica e Ciencias Sociais-, agás na Escola Oficial de Idiomas que se estudia o noso idioma como tal, son xa 16 os centros públicos esparexados polo Bierzo occidental. Tamén debemos engadir os cursos de galego que ofrecen o Centro Galicia e o concello da Veiga do Valcarce, sen esquecer tampouco que no norte e leste comarcal (Bembibre, Fabeiro, Laceana...) hai centros con clases de portugués. Dende logo a penetración do noso idioma territorial no sistema escolar ten sido o maior éxito, o cal está influíndo decisivamente no prestixio social progresivo do galego no Bierzo.
12:39 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note
PROPOSTAS LINGÜÍSTICAS DE REFORMA DA LEI DO CONSELLO DO BIERZO
PROPOSTAS LINGÜÍSTICAS DE MODIFICACIÓN DA LEI DA
COMARCA DO BIERZO
A Asociación cultural Fala Ceibe fai algunhas propostas concretas de reforma parcial do Estatuto de
Comarcalización do Bierzo (Lei 1/1991, de 14 de marzo). Este texto legal necesita actualizarse
mediante a incorporación de certas novidades no seu articulado relacionadas co recoñecemento xurídico da
lingua galega do Bierzo occidental. Este idioma territorial, cada vez máis asumido pola sociedade
berciana, non pode quedar fóra de novo do Estatuto de Comarcalización.
As seguintes propostas idiomáticas da Asociación Cultural Fala Ceibe serán remesadas aos partidos
políticos representados no Consello comarcal do Bierzo e nas Cortes de Castela e León para que se teñan en conta na futura reforma do Estatuto de Comarcalización:
1. Que na Exposición de Motivos da dita Lei, cando se relacionen as características xeográficas, sociais,
culturais, económicas e históricas da Comarca, se faga mención expresa tamén ás lingúísticas, como
recoñecemento xurídico do "feito idiomático galego" do Bierzo occidental.
2. Que se cree un novo artigo no que se recolla que "o idioma galego é cooficial e propio do Bierzo
occidental", en xusta relación co recoñecemento legal que xa se fai no Estatuto de Autonomía da Comunidade
de Castela e León no seu artigo 4.2, "gozan de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen".
3.Que se modifique o artigo 1 do actual Estatuto de Comarcalización, no que se relacionan os concellos
integrantes do Bierzo, coa inclusión da nova denominación bilingüe (castelá/galega), tanto da propia Comarca de El Bierzo/O Bierzo coma dos concellos galegofalantes, Barjas/Barxas, Borrenes/Borreis, amponaraya/Camponaraia, Fabero/Fabeiro, Peranzanes/Peranzais, Puente de
Domingo Flórez/A Ponte Domingo Flórez, Vega de Espinareda/A Veiga de Espiñareda, Vega de Valcarce/A
Veiga do Valcarce, Villadecanes/Villadecais e Villafranca del Bierzo/Vilafranca do Bierzo.
4. Que se cree un novo artigo que fixe a capital política-administrativa en Ponferrada e "a capital
cultural e lingüística do territorio galegofalante da Comarca en Vilafranca do Bierzo".
5. Que se modifique o actual artigo 4, referido ás competencias da Comarca, para recoller entre as súas
materias outra máis relacionda coa "protección e fomento da lingua galega, especialmente polas
administraciois locais, investigación e ensino deste idioma, así como a súa difusión nos medios de
comunicación e a recuperación da toponimia".
12:30 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note
A MOCIDADE BERCIANA E O GALEGO
A MOCIDADE BERCIANA E O GALEGO,
Xabier Lago Mestre
En moitas ocasiois os bercianos temos que viaxar máis aló do porto do Manzanal por razois educativas, profesionais ou administrativas, pois ben, hai unha situación que se repite frecuentemente. Refírome a cando alguén nos comenta "tú eres gallego", e respostamos "no, soy de El Bierzo", mentres que isto mesmo non acontece ao ir a Galicia ¿por que?. Parece claro que o noso acento galego resulta distinto para os casteláns, identifícannos como falantes de orixe galega. Xa vai sendo hora de tomar conciencia desta realidade sociolingüística, sintámonos orgullosos da nosa identidade cultural galegoberciana.
A mocidade berciana non fala galego na súa meirande parte, principalmente porque non se lle permitiu aprendelo nos centros eduativos, situación discriminatoria que comeza a trocar. Agora ben, a pesar de que a escola socializa maioritariamente en castelán, non se pode negar que a mocidade presenta importantes rasgos lingüísticos galegos a nivel fonético, léxico, sintáctico ou morfolóxico. Isto é así pola influencia do entorno familiar e veciñal propio das vilas e os pobos do Bierzo occidental.
A incorporación da nosa lingua territorial ao sistema educativo dá un novo protagonismo á mocidade berciana. Os que estudian galego deben prestixiar esta lingua entre os seus compañeiros. Hai que correr a voz sobre as vantaxes que ten o coñecemento do noso idioma comarcal. O galego permite un mellor acceso aos estudios superiores nas universidades veciñas, poderemos atopar traballo, público ou privado, na Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, comprenderemos os medios de comunicación feitos nesta lingua, televisión, radio e xornais, así como as novas tecnoloxías de información, internet, video, CDs, DVD, etc. E disfrutaremos das actividades de lecer, cine, musica, teatro, literatura... Porque a lingua galega está presente xa en calquera manifestación cultural actual.
Aprender o galego significa axudar a recuperar o idioma histórico do Bierzo. Temos que fomentar o noso patrimonio lingüístico, mediante o seu uso continuado, porque así dignificamos a nosa propia comunidade
galegofalante. O importante é perder o medo a falar galego e sentirnos orgullosos da nosa herdanza cultural. A mocidade berciana ten a responsabilidade cívica de protagonizar a normalización lingüística comarcal. A aprendizaxe desta lingua nos centros educativos prestixiará o galego no seu familiar, entre os pais e os avós, e tamén a nivel veciñal, permitíndonos recuperar o diálogo interxeracional perdido. A través desta lingua descubriremos o valor social que posúe o noso patrimonio cultural galegoberciano tan presente no occidente comarcal.
O Bierzo e As Portelas de Zamora son territorios da Comunidade Autónoma de Castela e León cun patrimonio lingüístico propio por mor do idioma galego. Que no resto de provincias só falen castelán non debe impedir que os bercianos sigamos comunicándonos tamén en galego. Somos bilingües e debemos seguir así porque nos beneficia culturalmente.
Falar galego no Bierzo non pode estar condicionado polo lindeiro político-administrativo entre Galicia e Castela-León. A lingua galega é dos bercianos desde a Idade Media, e o seu futuro está nas mans da mocidade, sigamos pois o bo exemplo das anteriores xeraciois que souberon transmitírnola. Seguro que a mocidade collerá o testigo que representa manter a nosa herdanza lingüística galegoberciana no século XXI.
12:30 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note

