08.04.2006
A PROVINCIA DO BIERZO NO SÉCULO XV
A PROVINCIA DO BIERZO NO SÉCULO XV,
Xabier Lago Mestre
A fins do século XV o conde de Lemos, Rodrigo, que tiña parte dos seus territorios no Bierzo, rebelouse contra os Reis Católicos. O condado de Lemos presentaba problemas sucesorios, e os Reis Católicos tomaron partido polos outros pretendentes, aliados da casa dos Pimentel de Benavente, inimigos estes dos condes galegos de Lemos. Rodrigo encastelouse e resistiu en Ponferrada, mentres que os Reis organizaron un exército castelao contra el que, tralas escaramuzas e negociaciois, conseguiu tomar o castelo e maila vila.
O pacto entre os Reis Católicos e o derrotado conde de Lemos determinou a perda de todas as súas posesiois no Bierzo, as cales pasaron a formar parte do novo marquesado de Vilafranca, que quedaba en mans dos que preitearon pola herdanza do condado de Lemos e que se aliaron matrimonialmente coa casa de Benavente. Consecuencia dese pacto foi tamén a compra da vila de Ponferrada polos Reis. Difícil é substraer esta intervención da Coroa de Castela contra o conde de Lemos da política real de sometemento da nobreza galega levantisca (ejemplo de Pardo de Cela, conde Camiña e demais).
Trala adquisición mercantil da vila de Ponferrada polos Reis, estes deron certos beneficios á poboación, casos da concesión de mercado (1487) e da creación dun hospital. Hai tamén que salientar o establecemento do Corrixidor, figura chave na historia posterior da vila e da comarca. Este foi o máximo representante da Coroa no Bierzo, controlou ao rexemento ponferradino e executou a política real en toda a comarca, a pesar de ser esta maioritariamente territorio de carácter señorial. Como ben sabemos a xustiza real estaba por enriba da señorial, e cando alguén recorría pola primeira era o Corrixidor de Ponferrada o encargado de facer as investigaciois necesarias ou de aplicar as resoluciois.
Dende o comezo o Corrixidor de Ponferrada aparece tamén como da Provincia do Bierzo. Para a Coroa de Castela, O Bierzo estaba claramente delimitado a nivel territorial, e aproveitase a súa autodefinición histórica para diferencialo doutros territorios veciños dende o primeiro momento. Agora ben ¿a qué reino pertencía O Bierzo, a León ou a Galiza?. A resposta está nun privilexio emitido dos Reis Católicos en Medina del Campo (1489). Nel faise referencia ao pobo de Acebo, sito nas montañas que nos afastan de León e Castela, e textualmente lemos “por cuanto nos somos informados que en el camino Real que es entre el lugar de Acebo y el hospital de Fuencebadón que son en el Puerto de Rabanal de la entrada del reino de Galicia, a causa de la mucha nieve que en el dicho Puerto cae (...)”.
12:40 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note
A RESISTENCIA GALEGUISTA NO BIERZO.
A RESISTENCIA GALEGUISTA NO BIERZO,
por Xabier Lago Mestre.
A Comarca do Bierzo presenta unhas características peculiares que a diferencian do resto de territorios da Comunidade Autónoma de Castela e León. Referímonos a unha xeografía que o afasta da chaira castelá, formando unha orografía montañosa pechada e cunha rede hidrográfica independente. A nivel político, as Cortes de Castela e León concederon ao Bierzo un Estatuto de Comarcalización (1991), o único existente na actualidade. Esta descentralización parcial inscríbese na dinámica reivindicativa de carácter autonómico que sempre estivo mui presente no Bierzo –lembremos a existencia da Provincia de Vilafranca do Bierzo en 1822-. Tudo isto ten relación coa forte conciencia territorial dos bercianos que se autodefine ante León e Castela.
A historia do Bierzo sempre estivo mui vencellada a Galiza. Fronte aos intentos institucionais, dende León e Castela, de minusvalorar estas relaciois -culturais, lingüísticas, socioeconómicas e demais- profundamos en dar a coñecer a nosa realidade galegoberciana común. Hai que recuperar a “memoria histórica” como elemento chave do reforzamento da concienciación galeguista da Comarca. Este traballo reivindicativo terá que luitar contra dos intentos uniformizadores derivados da nova ideoloxía identitaria castelao-leonesa.
A situación sociolingüística do galego no Bierzo non é a millor ante a progresiva e xeneralizada castelanización. A poboación galegofalante concéntrase no occidente comarcal, nun medio rural disperso, composta fundamentalmente polos vedraños, e que compite en desvantaxe co idioma estatal, maioritario na cidade de Ponferrada (65.650 h.) e nas principais vilas. Sen embargo, atopamos a reacción da minoría lingüística galega en certos sectores –universitarios, profesores, intelectuais, etc- que, malia ser escasa a mobilización social e mailos recursos, está acadando importantes éxitos reivindicativos paseniño.
A reacción galegoberciana podemos dicir que é recente. Como fito fundamental temos a creación da Mesa prá defensa do Galego no Bierzo e da Cultura da Comarca (1990), seguido polo traballo desenvolvido polo Instituto de Estudios Bercianos, Escola de Gaitas de Vilafranca, asociación Vagalume de Viladepaos, así como de numerosos grupos folcloricos que andan a recuperar o noso patrimonio musical. Máis recente é a intervención galeguista da asociación Fala Ceibe (Ponferrada, 1998), e que deu novos aires á reivindicación mediante a procura de novas estratexias pactistas que combinasen a escaseza de medios coa máxima eficacia na consecución de resultados.
As relaciois de poder entre as instituciois castelás e a minoría galegofalante do Bierzo son mui desiguais, o que condiciona negativamente o logro das nosas demandas. Estas son sempre devaluadas, cando non desnaturalizadas, trala peneira negociadora. Neste senso bótase en falta o contrapoder, a prol dos intereses da nosa minoría cultural, que debería estar representado pola Xunta de Galicia. Só tendo conta desta dinámica reivindicativa desequilibrada, fronte aos poderes político e institucional castelaos, se pode valorar axeitadamente o muito camín percorrido nestes últimos anos.
A minoría galegoberciana precisa de estratexias reclamativas alternativas que debiliten, aínda que sexa só temporal e parcialmente, a posición de forza do poder castelao. Fala Ceibe, dende a súa posición de vangarda, trocou o rumbo estratéxico mediante a chamada “politización” reivindicativa. Trátase de buscar negociaciois conxunturais cos partidos políticos na defensa dos nosos intereses lingüísticos. Así aconteceu co BNG, cando acadou a resolución a prol do ensino do galego no Bierzo no Congreso dos Deputados (1997), ou co PSOE, ao conseguir a aprobación doutra resolución semellante nas Cortes de Castela e León (2000), ou as declaraciois institucionais do Consello Comarcal do Bierzo (2001 e 2004). Ademais o xogo político, de confrontación e pactos, ás veces dá resultados positivos como o actual recoñecemento expreso do galego no Estatuto de Autonomía da C.A. de Castela e León (1999). Porque ben sabemos que a clase política ten toda a responsabilidade na concesión dos nosos dereitos culturais e lingüísticos.
Outro aspecto importante da nosa reivindicación é a “política informativa” cos medios de comunicación comarcais e rexionais. A pesar de sufrir as graves consecuencias da falta de liberdade de expresión en galego, informar periodicamente sobre a nosa problemática cultural á cidadanía serve para crear nesta unha conciencia colectiva favorable cara á nosa lexítima reclamación. Debemos ter presente que as liñas comunicativas, integramente en galego, redúcense a internet, cartelería, buzoneo, actos culturais e demais, é dicir, mui minoritarias. Velaí a necesidade de continuar esta peculiar relación de dependencia cos medios de comunicación castelaos, xa que tampouco os da Galiza teñen aínda influencia nin audiencia abondo no Bierzo.
De remate, comentar a boa resposta que está tendo a oferta de galego nos centros escolares da Comarca. Malia ser impartido dentro doutras materias –Coñecemento do medio, Plástica e Ciencias Sociais-, agás na Escola Oficial de Idiomas que se estudia o noso idioma como tal, son xa 16 os centros públicos esparexados polo Bierzo occidental. Tamén debemos engadir os cursos de galego que ofrecen o Centro Galicia e o concello da Veiga do Valcarce, sen esquecer tampouco que no norte e leste comarcal (Bembibre, Fabeiro, Laceana...) hai centros con clases de portugués. Dende logo a penetración do noso idioma territorial no sistema escolar ten sido o maior éxito, o cal está influíndo decisivamente no prestixio social progresivo do galego no Bierzo.
12:39 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note
PROPOSTAS LINGÜÍSTICAS DE REFORMA DA LEI DO CONSELLO DO BIERZO
PROPOSTAS LINGÜÍSTICAS DE MODIFICACIÓN DA LEI DA
COMARCA DO BIERZO
A Asociación cultural Fala Ceibe fai algunhas propostas concretas de reforma parcial do Estatuto de
Comarcalización do Bierzo (Lei 1/1991, de 14 de marzo). Este texto legal necesita actualizarse
mediante a incorporación de certas novidades no seu articulado relacionadas co recoñecemento xurídico da
lingua galega do Bierzo occidental. Este idioma territorial, cada vez máis asumido pola sociedade
berciana, non pode quedar fóra de novo do Estatuto de Comarcalización.
As seguintes propostas idiomáticas da Asociación Cultural Fala Ceibe serán remesadas aos partidos
políticos representados no Consello comarcal do Bierzo e nas Cortes de Castela e León para que se teñan en conta na futura reforma do Estatuto de Comarcalización:
1. Que na Exposición de Motivos da dita Lei, cando se relacionen as características xeográficas, sociais,
culturais, económicas e históricas da Comarca, se faga mención expresa tamén ás lingúísticas, como
recoñecemento xurídico do "feito idiomático galego" do Bierzo occidental.
2. Que se cree un novo artigo no que se recolla que "o idioma galego é cooficial e propio do Bierzo
occidental", en xusta relación co recoñecemento legal que xa se fai no Estatuto de Autonomía da Comunidade
de Castela e León no seu artigo 4.2, "gozan de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen".
3.Que se modifique o artigo 1 do actual Estatuto de Comarcalización, no que se relacionan os concellos
integrantes do Bierzo, coa inclusión da nova denominación bilingüe (castelá/galega), tanto da propia Comarca de El Bierzo/O Bierzo coma dos concellos galegofalantes, Barjas/Barxas, Borrenes/Borreis, amponaraya/Camponaraia, Fabero/Fabeiro, Peranzanes/Peranzais, Puente de
Domingo Flórez/A Ponte Domingo Flórez, Vega de Espinareda/A Veiga de Espiñareda, Vega de Valcarce/A
Veiga do Valcarce, Villadecanes/Villadecais e Villafranca del Bierzo/Vilafranca do Bierzo.
4. Que se cree un novo artigo que fixe a capital política-administrativa en Ponferrada e "a capital
cultural e lingüística do territorio galegofalante da Comarca en Vilafranca do Bierzo".
5. Que se modifique o actual artigo 4, referido ás competencias da Comarca, para recoller entre as súas
materias outra máis relacionda coa "protección e fomento da lingua galega, especialmente polas
administraciois locais, investigación e ensino deste idioma, así como a súa difusión nos medios de
comunicación e a recuperación da toponimia".
12:30 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note
A MOCIDADE BERCIANA E O GALEGO
A MOCIDADE BERCIANA E O GALEGO,
Xabier Lago Mestre
En moitas ocasiois os bercianos temos que viaxar máis aló do porto do Manzanal por razois educativas, profesionais ou administrativas, pois ben, hai unha situación que se repite frecuentemente. Refírome a cando alguén nos comenta "tú eres gallego", e respostamos "no, soy de El Bierzo", mentres que isto mesmo non acontece ao ir a Galicia ¿por que?. Parece claro que o noso acento galego resulta distinto para os casteláns, identifícannos como falantes de orixe galega. Xa vai sendo hora de tomar conciencia desta realidade sociolingüística, sintámonos orgullosos da nosa identidade cultural galegoberciana.
A mocidade berciana non fala galego na súa meirande parte, principalmente porque non se lle permitiu aprendelo nos centros eduativos, situación discriminatoria que comeza a trocar. Agora ben, a pesar de que a escola socializa maioritariamente en castelán, non se pode negar que a mocidade presenta importantes rasgos lingüísticos galegos a nivel fonético, léxico, sintáctico ou morfolóxico. Isto é así pola influencia do entorno familiar e veciñal propio das vilas e os pobos do Bierzo occidental.
A incorporación da nosa lingua territorial ao sistema educativo dá un novo protagonismo á mocidade berciana. Os que estudian galego deben prestixiar esta lingua entre os seus compañeiros. Hai que correr a voz sobre as vantaxes que ten o coñecemento do noso idioma comarcal. O galego permite un mellor acceso aos estudios superiores nas universidades veciñas, poderemos atopar traballo, público ou privado, na Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, comprenderemos os medios de comunicación feitos nesta lingua, televisión, radio e xornais, así como as novas tecnoloxías de información, internet, video, CDs, DVD, etc. E disfrutaremos das actividades de lecer, cine, musica, teatro, literatura... Porque a lingua galega está presente xa en calquera manifestación cultural actual.
Aprender o galego significa axudar a recuperar o idioma histórico do Bierzo. Temos que fomentar o noso patrimonio lingüístico, mediante o seu uso continuado, porque así dignificamos a nosa propia comunidade
galegofalante. O importante é perder o medo a falar galego e sentirnos orgullosos da nosa herdanza cultural. A mocidade berciana ten a responsabilidade cívica de protagonizar a normalización lingüística comarcal. A aprendizaxe desta lingua nos centros educativos prestixiará o galego no seu familiar, entre os pais e os avós, e tamén a nivel veciñal, permitíndonos recuperar o diálogo interxeracional perdido. A través desta lingua descubriremos o valor social que posúe o noso patrimonio cultural galegoberciano tan presente no occidente comarcal.
O Bierzo e As Portelas de Zamora son territorios da Comunidade Autónoma de Castela e León cun patrimonio lingüístico propio por mor do idioma galego. Que no resto de provincias só falen castelán non debe impedir que os bercianos sigamos comunicándonos tamén en galego. Somos bilingües e debemos seguir así porque nos beneficia culturalmente.
Falar galego no Bierzo non pode estar condicionado polo lindeiro político-administrativo entre Galicia e Castela-León. A lingua galega é dos bercianos desde a Idade Media, e o seu futuro está nas mans da mocidade, sigamos pois o bo exemplo das anteriores xeraciois que souberon transmitírnola. Seguro que a mocidade collerá o testigo que representa manter a nosa herdanza lingüística galegoberciana no século XXI.
12:30 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note
A REIVINDICACIÓN LINGÜÍSTICA NO BIERZO
A REIVINDICACIÓN LINGÜÍSTICA NO BIERZO,
Xabier Lago Mestre
A mínoría lingüística galega do Bierzo ten moitos problemas para o seu desenvolvemento cultural por estar inserida nunha sociedade maioritariamente castelá. Dende logo non é doada a existencia dos galegofalantes cando comproban a cotío a perda de funcionalidade da súa lingua territorial. As presións ideolóxicas a que se ven sometidos polo poder político, as administracións públicas, os medios de comunicación, etc. fan que moitos membros da comunidade lingüística galega tomen o camiño forzado da aculturización.
A resistencia secular da sociedade castelá a conceder dereitos culturais á minoría galegofalante condiciona negativamente a toma de conciencia lingüística desta última. Sen embargo, non se pode negar a evidencia de que durante os últimos anos a reivindicación lingüística no Bierzo está tomando novos folgos. A reclamación cultural avanza progresivamente, iso si, paseniño. O exemplo recente témolo na profundización no activismo lingüístico que se está producindo ao longo do 2001, o declarado coma Ano das Linguas Europeas. Cómpre facer un percorrido rápido polo contido das principais actividades desenvolvidas para coñecer mellor a nosa problemática.
O ano comezou cun acontecemento salientable: a declaración de cooficialidade do galego no concello da Veiga do Valcarce (24 de febreiro). Feito reivindicativo que posteriormente tamén tivo lugar no concello de Lubián, nas Portelas da Alta Sanabria. Nembargante as presións da Junta de Castela e León forzaron a revogación do acordo de cooficialidade tomado no primeiro concello. Hai que comentar que a dita iniciativa municipal foi unha actuación valente que animou moito o debate comarcal sobre a necesidade dunha maior protección da lingua galega no Bierzo. Dende o punto de vista xurídico unha declaración de cooficialidade semellante só se pode realizar co abeiro legal, caso do recoñecemento expreso no Estatuto de Autonomía de Castela e León.
Pola outra banda, as presións, tanto a política comentada coma a social das organizacións culturais a prol da lingua galega, esixían unha resposta insltitucional axeitada. Así, a sinatura do tan desexado acordo de cooperación para o ensino do galego entre as Consellerías de Educación da Xunta de Galicia e da Junta de Castela e León tivo lugar por fin en Vilafranca (18 de xullo). A tardía presentación do acordo, en pleno período vacacional, non favoreceu a ampla difusión pública do seu contido entre a comunidade escolar berciana. Isto condicionou unha maior demanda entre os centros educativos comarcais, co comezo do presente curso 2001-02, xa que non lles deu tempo abondo para cumprir cos preceptivos trámites administrativos requiridos na execución da materia de lingua galega.
Do contido do dito acordo interautonómico hai que comentar que é un texto con escasa concreción. Deixa o seu desenvolvemento nas decisións que tome a Comisión mixta de seguimento. De todos os xeitos xa hai certas actuacións tomadas que deben ser criticadas. Decidiuse comezar pola execución do ensino do galego en primaria, deixando para o curso 2002-03 a etapa secundaria. Este feito é totalmente contrario á demanda educativa actual, xa que se impide estudiar galego, un ano máis, ao alumnado berciano que opte por acudir ás universidades de Galicia no futuro. Ademais, nada se comentou verbo do ensino do galego na Escola oficial de idiomas de Ponferrada ou na chamada "formación de adultos"; e dos cartos públicos só hai un compromiso pero sen especificiación de cantidade ningunha.
Os continuos adiamentos na execución axeitada do ensino da lingua galega no Bierzo obrigan ás organizacións culturais a presionar máis ás institucións. Polo que se refire a Fala Ceibe, non dubidou en denunciar esta problemática discriminatoria ante o Procurador do Común (o Valedor do pobo rexional), as Cortes de Castela e León, o Parlamento Europeo, etc. Ademais, con cada inicio de curso académico elabórase unha nova campaña reivindicativa a prol do ensino do galego dirixida á comunidade escolar berciana. Neste sentido preséntanse as vantaxes que supón o estudio do galego de cara ao futuro educativo e profesional do alumnado. Froito deste labor reclamativo este ano temos dous colexios, Cacabelos e Carucedo, que ofertan a lingua galega ao seu alumnado na etapa primaria.
Tampouco se descoida a relación periódicacos distintos partidos políticos. Dende hai anos procúrase que estes vaian tomando conciencia da necesidade de protexer e fomentar a lingua galega do Bierzo. Trátase que o poder político valore máis e mellor o noso "feito lingüístico diferencial" fronte ao uniformismo cultural castelá que se propugna dende as terras do Leste. Destas xestións conseguiuse a aprobación dunha resolución polo pleno do Consello Comarcal do Bierzo a prol da declaración do galego coma "lingua propia" (17 de maio). Síntoma claro de que algo está a trocar no seo dos partidos políticos comarcais.
Outro aspecto a salientar da reivindicación lingüística no Bierzo é a peculiar relación que hai cos medios de comunicación. A pesar de que maioritariamente utilizan a lingua castelá -só dous permiten o uso puntual do galego oral e escrito- as relacións que hai con eles son boas. ¿Razóns? ata hogano nunca a nosa reivindicación lingüística estivo tan presente nas informacións dos medios de comunicación do Bierzo. E mediante estes a nosa problemática cultural está callando na socieade que xa non a ve como algo alleo á realidade comarcal. Non se
pode negar que as noticias sobre o galego, aínda que sexa en castelán, favorecen a toma de conciencia bilingüe entre unha poboación moi mediatizada polo poder informativo. Velaí a razón de que o único xeito de exercer a liberdade de expresión en galego sexa vía internet, aínda hoxe con escasa implantación no Bierzo.
Para rematar, dicir que a celebración do Ano das Linguas Europeas é un estímulo para a reivindicación cultural do Bierzo. Outro tanto cabe agardar do vindeiro Día das Letras Galegas, dedicado a frei Martiño Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo. Oxalá que as institucións galegas atopen a debida resposta por parte das bercianas na cooperación para a execución dos actos programados nesta comarca estremeira.
12:05 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note

