08.04.2006
A RESISTENCIA GALEGUISTA NO BIERZO.
A RESISTENCIA GALEGUISTA NO BIERZO,
por Xabier Lago Mestre.
A Comarca do Bierzo presenta unhas características peculiares que a diferencian do resto de territorios da Comunidade Autónoma de Castela e León. Referímonos a unha xeografía que o afasta da chaira castelá, formando unha orografía montañosa pechada e cunha rede hidrográfica independente. A nivel político, as Cortes de Castela e León concederon ao Bierzo un Estatuto de Comarcalización (1991), o único existente na actualidade. Esta descentralización parcial inscríbese na dinámica reivindicativa de carácter autonómico que sempre estivo mui presente no Bierzo –lembremos a existencia da Provincia de Vilafranca do Bierzo en 1822-. Tudo isto ten relación coa forte conciencia territorial dos bercianos que se autodefine ante León e Castela.
A historia do Bierzo sempre estivo mui vencellada a Galiza. Fronte aos intentos institucionais, dende León e Castela, de minusvalorar estas relaciois -culturais, lingüísticas, socioeconómicas e demais- profundamos en dar a coñecer a nosa realidade galegoberciana común. Hai que recuperar a “memoria histórica” como elemento chave do reforzamento da concienciación galeguista da Comarca. Este traballo reivindicativo terá que luitar contra dos intentos uniformizadores derivados da nova ideoloxía identitaria castelao-leonesa.
A situación sociolingüística do galego no Bierzo non é a millor ante a progresiva e xeneralizada castelanización. A poboación galegofalante concéntrase no occidente comarcal, nun medio rural disperso, composta fundamentalmente polos vedraños, e que compite en desvantaxe co idioma estatal, maioritario na cidade de Ponferrada (65.650 h.) e nas principais vilas. Sen embargo, atopamos a reacción da minoría lingüística galega en certos sectores –universitarios, profesores, intelectuais, etc- que, malia ser escasa a mobilización social e mailos recursos, está acadando importantes éxitos reivindicativos paseniño.
A reacción galegoberciana podemos dicir que é recente. Como fito fundamental temos a creación da Mesa prá defensa do Galego no Bierzo e da Cultura da Comarca (1990), seguido polo traballo desenvolvido polo Instituto de Estudios Bercianos, Escola de Gaitas de Vilafranca, asociación Vagalume de Viladepaos, así como de numerosos grupos folcloricos que andan a recuperar o noso patrimonio musical. Máis recente é a intervención galeguista da asociación Fala Ceibe (Ponferrada, 1998), e que deu novos aires á reivindicación mediante a procura de novas estratexias pactistas que combinasen a escaseza de medios coa máxima eficacia na consecución de resultados.
As relaciois de poder entre as instituciois castelás e a minoría galegofalante do Bierzo son mui desiguais, o que condiciona negativamente o logro das nosas demandas. Estas son sempre devaluadas, cando non desnaturalizadas, trala peneira negociadora. Neste senso bótase en falta o contrapoder, a prol dos intereses da nosa minoría cultural, que debería estar representado pola Xunta de Galicia. Só tendo conta desta dinámica reivindicativa desequilibrada, fronte aos poderes político e institucional castelaos, se pode valorar axeitadamente o muito camín percorrido nestes últimos anos.
A minoría galegoberciana precisa de estratexias reclamativas alternativas que debiliten, aínda que sexa só temporal e parcialmente, a posición de forza do poder castelao. Fala Ceibe, dende a súa posición de vangarda, trocou o rumbo estratéxico mediante a chamada “politización” reivindicativa. Trátase de buscar negociaciois conxunturais cos partidos políticos na defensa dos nosos intereses lingüísticos. Así aconteceu co BNG, cando acadou a resolución a prol do ensino do galego no Bierzo no Congreso dos Deputados (1997), ou co PSOE, ao conseguir a aprobación doutra resolución semellante nas Cortes de Castela e León (2000), ou as declaraciois institucionais do Consello Comarcal do Bierzo (2001 e 2004). Ademais o xogo político, de confrontación e pactos, ás veces dá resultados positivos como o actual recoñecemento expreso do galego no Estatuto de Autonomía da C.A. de Castela e León (1999). Porque ben sabemos que a clase política ten toda a responsabilidade na concesión dos nosos dereitos culturais e lingüísticos.
Outro aspecto importante da nosa reivindicación é a “política informativa” cos medios de comunicación comarcais e rexionais. A pesar de sufrir as graves consecuencias da falta de liberdade de expresión en galego, informar periodicamente sobre a nosa problemática cultural á cidadanía serve para crear nesta unha conciencia colectiva favorable cara á nosa lexítima reclamación. Debemos ter presente que as liñas comunicativas, integramente en galego, redúcense a internet, cartelería, buzoneo, actos culturais e demais, é dicir, mui minoritarias. Velaí a necesidade de continuar esta peculiar relación de dependencia cos medios de comunicación castelaos, xa que tampouco os da Galiza teñen aínda influencia nin audiencia abondo no Bierzo.
De remate, comentar a boa resposta que está tendo a oferta de galego nos centros escolares da Comarca. Malia ser impartido dentro doutras materias –Coñecemento do medio, Plástica e Ciencias Sociais-, agás na Escola Oficial de Idiomas que se estudia o noso idioma como tal, son xa 16 os centros públicos esparexados polo Bierzo occidental. Tamén debemos engadir os cursos de galego que ofrecen o Centro Galicia e o concello da Veiga do Valcarce, sen esquecer tampouco que no norte e leste comarcal (Bembibre, Fabeiro, Laceana...) hai centros con clases de portugués. Dende logo a penetración do noso idioma territorial no sistema escolar ten sido o maior éxito, o cal está influíndo decisivamente no prestixio social progresivo do galego no Bierzo.
12:39 Lien permanent | Commentaires (0) | Envoyer cette note


Les commentaires sont fermés.